Alumnos do colexio Divino Maestro celebran o Día da Árbore na mina de Touro e alumnos do CEIP de Cariño na mina de Landoi en Cariño

Alumnos do colexio Divino Maestro celebran o Día da Árbore na mina de Touro e alumnos do CEIP de Cariño na mina de Landoi en Cariño

  - A actividade foi organizada pola Asociación Galega de Áridos (ARIGAL)


 - Os cativos realizaron unha plantación de 80 castaños empregando abono orgánico que elabora a empresa Tratamientos Ecológicos del Noroeste, localizada nos terreos da mina


A Asociación Galega de Áridos (Arigal) celebrou hoxe o Día da Árbore na canteira San Rafael, na mina que explota a empresa Explotacións Galegas, no concello de Touro. Co gallo da conmemoración, preto de 75 escolares do colexio compostelá Divino Maestro realizaron unha plantación de castaños neste espazo na que tamén participaron o alcalde da localidade, Ignacio Codesido, a xefa territorial de Coruña da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, Cristina Carrión; o director da Cámara Mineira de Galicia, Diego López, e o director da Asociación Galega de Áridos, Carlos Martínez.

Ademais levouse tamén a celebración á mina de dunita que a empresa Pasek Minerales explota no lugar de Landoi, en Cariño, preto de 40 escolares de 5º e 6º curso do CEIP de Cariño realizaron unha plantación de bidueiros neste espazo mineiro, na que tamén participaron o presidente de Arigal, José Lista Tasende, e o da Cámara Oficial Mineira de Galicia, Juan de Dios Martín Aparicio.

Á súa chegada ás explotación, os alumnos asistiron a unha charla explicativa sobre a relevancia dos áridos no desenvolvemento económico e social. Coñeceron tamén as características da canteira de Touro que explota F.Gómez y Cía e as características da canteira de Landoi, explotada desde 1972 por Pasek Minerales e de grande arraigo na localidade. Posteriormente, equipados con cascos e chalecos, dirixíronse aos terreos da mina onde realizaron a plantación de cadansúa árbore para a que empregaron abono orgánico producido pola empresa Tratamiento Ecológicos del Noroeste.


MINERAL PARA TODO O MUNDO

Os participantes na actividade aprenderon como se realiza a extracción e se moe e clasifica o mineral para logo ser distribuído, e no caso da mina de Landoi, para ser embarcado nos portos de Cariño e Ferrol para clientes de todo o mundo. Explicóuselles tamén que a dunita se usa como compoñente minoritario dos refractarios básicos utilizados en contacto co aceiro fundido, así como compoñente de abrasivos, áridos para construción e la de roca, entre outras aplicacións.

Ademais, no percorrido polas minas os escolares puideron ver as diferentes instalacións que lles permiten ás empresas xerar unha ampla gama de produtos. A produción anual da canteira de Pasek supera o 1,5 millóns de toneladas.

 
ONCE ANOS DE CONMEMORACIÓN

A conmemoración do Día da Árbore por parte da Asociación Galega de Áridos con escolares de diferentes puntos de Galicia chega en 2018 á súa undécima edición. O obxectivo da iniciativa é concienciar a poboación máis nova da importancia e utilidades dos áridos, así como divulgar o funcionamento das canteiras galegas.

Esta actividade anual enmárcase na aposta pola mellora ambiental e recuperación de espazos mineiros por parte de Arigal e dos seus asociados. Así, nos últimos seis anos repoboáronse máis de 40.000 árbores en antigas canteiras, nomeadamente especies autóctonas.
 





SOBRE ARIGAL

A Asociación Galega de Áridos (Arigal) é unha organización empresarial galega integrada por máis de 60 empresas que desevolven a súa actividade nas distintas áreas do sector dos áridos: industria, fabricación, tratamento e distribución. En total, as firmas asociadas operan en 70 centros de actividade e xeran arredor de 3.600 postos de traballo, entre empregos directos e indirectos. No exercicio de 2015 os asociados de Arigal sumaron unha cifra de negocio conxunta de 37,5 millóns de euros.

 

Boletín informativo

Súmate aos centos de persoas que reciben o noso boletín informativo Arigal Novas enviándonos un correo electrónico coa túa solicitude ao seguinte enderezo: info@arigal.gal