Colectivos do sector agrícola, forestal, gandeiro e mineiro constitúen unha plataforma pola sostibilidade do rural

Colectivos do sector agrícola, forestal, gandeiro e mineiro constitúen unha plataforma pola sostibilidade do rural

Colectivos do sector primario alíanse na demanda de políticas medioambientais participativas que teñan en conta as necesidades e dereitos de propietarios e veciños, e das actividades económicas que se desenvolven no territorio

A lexislación ambiental ditase á marxe da poboación rural, que padece serias dificultades para manter as súas actividades produtivas e medio de vida

 

Representantes dos sectores agropecuario, forestal e mineiro entre outros, acaban de formar unha Plataforma na procura dun marco lexislativo que profundice na compatibilización das súas actividades coa protección do medio. A iniciativa xurde da preocupación pola proliferación de políticas de protección ambiental que non están tendo en conta as posibilidades dos distintos sectores produtivos de desenvolver a súa actividade de maneira compatible coa protección ambiental, sectores que xeran emprego e riqueza, factores indispensables para combater o abandono do rural e garantir unha protección real do medio.

Os sectores produtivos do rural advirten de que se está tecendo unha ‘tea de araña’ de lexislación medioambiental que limita innecesariamente todo tipo de actividades, o que acaba sendo contraproducente para a protección do medio: a menos actividade, menos poboación rural, menor xestión humana do territorio e máis risco de incendios catastróficos que destrúen o que se pretende protexer, como se comprobou recentemente en Galicia e Portugal.

Con esta iniciativa, a favor do desenvolvemento sostible, os impulsores das actividades económicas do rural aspiran a garantir unha protección real do patrimonio natural. Para isto, entenden fundamental que exista unha masa crítica abondo de poboación no rural que xestione o territorio de forma produtiva e sostible.

Esta masa crítica non se conseguirá sen a suma de todos os sectores de actividade que xeran valor e emprego no medio rural. E tampouco será posible se a política de conservación continúa baseándose unicamente na prohibición de labores que constitúen o medio de vida dos habitantes rurais.

É tamén necesario ter en conta as posibilidades de compatibilización da actividade económica e de protección do medio que ofrecen os principios da xestión sostible, a certificación medioambiental e a aplicación das distintas normativas sectoriais de prevención e corrección de impactos medioambientais, entre outras.

Os sectores representados na Plataforma Intersectorial defenden o carácter sostible da xestión forestal e agropecuaria, así como do aproveitamento dos recursos mineiros Trátase de “pezas claves de desenvolvemento e fonte de emprego cualificado e de calidade no medio rural”, de acordo cun dos retos e obxectivo estratéxico da Unión Europea: evitar o despoboamento de grandes áreas rurais, coa perda de riqueza e biodiversidade que isto representa.

Os catro sectores involucrados proporcionan en Galicia (onde arranca a iniciativa), máis de 68.600 postos de traballo directos e uns 147.300 indirectos, cun valor de exportacións duns 2.161 millóns de euros, e representan o 7,1 % do PIB galego. Ademais de proporcionar as materias primas para a construción, a industria e a alimentación.

A Plataforma traballará de forma conxunta pola compatibilización das actividades económicas do rural e a protección do medio ambiente e está integrada por diversas asociacións, clústeres e outras entidades representativas.

Nela figuran, do sector agropecuario, Unións Agrarias-UPA. O sector forestal está representado pola Asociación de Empresarios da Primeira Transformación da Madeira de Lugo; a Asociación Forestal de Galicia (AFG), a Asociación Sectorial Forestal Galega (ASEFOGA), a Asociación de Viveiros Forestais de Galicia (VIFOGA), o Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia (CMD), a Federación Empresarial de Aserradores y Rematantes de Madera de Galicia e a Confederación de Organizaciones de Selvicultores de España (COSE). Por parte do sector mineiro, forman parte do grupo a Cámara Oficial Mineira de Galicia, o Clúster da Pizarra de Galicia, o Clúster do Granito, a Asociación Galega de Áridos (ARIGAL) e a Confederación Española de Industrias Extractivas de Rocas y Minerales Industriales (COMINROC).

 

 

SOBRE ARIGAL

A Asociación Galega de Áridos (Arigal) é unha organización empresarial galega integrada por máis de 60 empresas que desevolven a súa actividade nas distintas áreas do sector dos áridos: industria, fabricación, tratamento e distribución. En total, as firmas asociadas operan en 70 centros de actividade e xeran arredor de 3.600 postos de traballo, entre empregos directos e indirectos. No exercicio de 2015 os asociados de Arigal sumaron unha cifra de negocio conxunta de 37,5 millóns de euros.

 

Boletín informativo

Súmate aos centos de persoas que reciben o noso boletín informativo Arigal Novas enviándonos un correo electrónico coa túa solicitude ao seguinte enderezo: info@arigal.gal