Comunicado de Arigal sobre a silicose e as enfermidades profesionais do sector

Comunicado de Arigal sobre a silicose e as enfermidades profesionais do sector

A Asociación Galega de Áridos (Arigal) quere facer as seguintes precisións e explicar o seu posicionamento sobre a silicose e outras enfermidades profesionais do sector, así como das accións que se están a desenvolver para marxinalizar a súa incidencia.

 

  1. Arigal considera que se debe diferenciar aos subectores mineiros respecto da incidencia da silicose e doutras enfermidades profesionais similares vencelladas ao pó, xa que garante que as canteiras e explotacións de áridos presentan uns parámetros que se sitúan moi por baixo nas medicións de pó en comparación con outras actividades extrativas de Galicia.
  2. Arigal revela que os datos oficiais e estudos realizados sinalan que, nos derradeiros cinco anos, só existe un 3% de medicións nas canteiras de áridos con valores de pó por riba do admisible mentres que noutras actividades extrativas sitúanse en ata o 50%.
  3. A medida de pó en ambiente admisible en España cífrase en 0,1 miligramos por metro cúbico, que ven a ser un dos parámetros máis baixos á vez que esixentes de toda a Unión Europea (UE), unha cuestión respaldada por Arigal na defensa da seguridade e saúde laboral dos máis de 800 traballadores das canteiras de áridos galegas.
  4. As máis de 70 canteiras asociadas a Arigal invisten anualmente unha gran cantidade de recursos, crecente en cada exercicio, nas áreas de formación, seguridade, prevención de riscos e enfermidades e saúde laboral en aras do benestar dos seus traballadores.
  5. Arigal conta cunha ferramenta propia, dispoñible na súa páxina web, destinada ao Seguemento e Control de Pó e Sílice co obxectivo de minimizar a súa existencia e previr posibles afeccións aos empregados, que son o principal activo das nosas empresas.
  6. A Asociación Galega de Áridos lamenta fondamente os posibles problemas de saúde de traballadores por mor do pó e sílice malia a súa baixa incidencia no sector e quere destacar a súa defensa de que estas patoloxías sexan recoñecidas como enfermidade profesional e de que se activen cantas medidas sexan posibles para a súa erradicación, lembrando que o colectivo ten en marcha moitas iniciativas para tentar facer desaparecer este problema. Incluso, o vindeiro martes Arigal participará en Santiago no obradoiro “Cara unha actividade sen risco por sílice” co Instituto Nacional de Silicose, Inspección de Traballo e Servizos de Prevención, entre outros.

SOBRE ARIGAL

A Asociación Galega de Áridos (Arigal) é unha organización empresarial galega integrada por máis de 77 empresas que desevolven a súa actividade nas distintas áreas do sector dos áridos: industria, fabricación, tratamento e distribución. En total, as firmas asociadas operan en 75 centros de actividade e xeran arredor de 3.600 postos de traballo, entre empregos directos e indirectos. No exercicio de 2015 os asociados de Arigal sumaron unha cifra de negocio conxunta de 37,5 millóns de euros.