Arigal aposta pola responsabilidade social coa realización do primeiro Catálogo Virtual dos Áridos de Galicia

Arigal aposta pola responsabilidade social coa realización do primeiro Catálogo Virtual dos Áridos de Galicia

- A Asociación Galega de Áridos anunciou está mañá a firma dun convenio de colaboración coa Consellería de Economía, Emprego e Industria coincidindo coa súa Asemblea Xeral.

- A plataforma online “Arigal Virtual 360º” mostrará a perfecta convivencia entre o medio e unha actividade extractiva sustentable e sostible.

- A ferramenta contará cun visor con foto esférica e aérea, vídeo de voo con dron e datos técnicos dos áridos de Galicia en aberto.

 

A Asociación Galega de Áridos (Arigal) reuniuse esta mañá durante a súa Asemblea Xeral anual para realizar balance do sector dos áridos en 2016, anunciar previsións e propostas para 2017.

Unha das iniciativas innovadoras que o colectivo abordará nos próximos meses como parte da súa política de responsabilidade social corporativa (RSC) é a realización do primeiro Catálogo Virtual dos Áridos de Galicia, o “Arigal Virtual 360º”. Esta é unha plataforma online a través da que se poderá ver en tempo real o traballo nas canteiras galegas e coñecer, de primeira man e sen filtros, as características técnicas dos áridos galegos. O presidente de Arigal, José Lista Tasende, e o director xeral de Enerxía e Minas da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Ángel Bernardo Tahoces, anunciaron esta mesma mañá a firma dun convenio de colaboración para levar a cabo este proxecto.

O obxectivo desta ferramenta virtual, que será pública a finais de ano, é promover a transparencia total das actividades desenvolvidas nos 70 centros de traballo de Arigal, maioritariamente situados en zonas rurais de toda Galicia. A plataforma concíbese, neste sentido, como unha perfecta simbiose para a convivencia entre o medio e unha actividade extractiva sustentable e, en moitos casos, beneficiosa para o medio ambiente e a biodiversidade.

Arigal Virtual 360º contará cun visor con foto esférica e aérea, vídeo de voo con dron e datos técnicos dos áridos de Galicia en aberto.

Internacionalización

Outros dos asuntos tratados durante a Asemblea Xeral 2017 foron os estudos de internacionalización para diversificación do sector, así como as ferramentas das que dispón a entidade para aproveitar a estratéxica situación de Galicia na fachada atlántica europea como proveedora de áridos para toda Europa.

Ademais dos representantes de empresas e de entidades do sector dos áridos en Galicia, entre os asistentes ao xantar de traballo celebrado tras a Asemblea Xeral estiveron o xa citado director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces; María Cruz Ferreira Costa, directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático; Francisco Menéndez, director da Axencia Galega de Infraestruturas; Valentín Gómez, secretario xeral de Política Lingüística; e Diego López González, secretario da Cámara Mineira de Galicia. Todos manifestaron o seu apoio a un colectivo estratéxico que representa o 80% do valor do sector mineiro.

Así mesmo, Arigal agradeceu a asistencia á xuntaza de representantes do gremio doutras comunidades. Entre eles, Ramón Ruberte, presidente de Anefa (Asociación Nacional Española de Fabricantes de Áridos); Custodio Monfort, presidente de Arival (Asociación Valenciana de Áridos); por parte do Gremi d’Arids de Catalunya, o presidente, Alfons Porro, o vicepresidente, Joaquim Roca e o director, Jaume Puig; e César Luaces, director xeral dea Federación de Áridos (FdA).

 

Aposta polo emprego no rural

Na mesma Asemblea Xeral, Arigal presentou a súa “Memoria de actividades 2016” na que deixou constancia da súa aposta polo emprego con independencia da dramática situación que atravesa o sector. Pese ao descenso dun 20% na cifra de negocio, os produtores de áridos de Galicia mantiveron 800 postos de traballo directos e 2.800 indirectos, o 80% deles no eido rural.

As vendas de áridos supoñen tan só o 30% das acadadas en 2007, polo que Arigal solicitou ás administracións esgotar os orzamentos consignados para obra pública (autonómica e estatal) para o exercicio 2017, así como unha maior celeridade nos prazos. No exercicio de 2016, os 45 socios de Arigal produciron 7 millóns de toneladas de áridos.

SOBRE ARIGAL

A Asociación Galega de Áridos (Arigal) é unha organización empresarial galega integrada por máis de 73 empresas que desevolven a súa actividade nas distintas áreas do sector dos áridos: industria, fabricación, tratamento e distribución. En total, as firmas asociadas operan en 75 centros de actividade e xeran arredor de 3.600 postos de traballo, entre empregos directos e indirectos. No exercicio de 2022 os asociados de Arigal sumaron unha cifra de negocio conxunta de 46,5 millóns de euros.

 

Boletín informativo

Súmate aos centos de persoas que reciben o noso boletín informativo Arigal Novas enviándonos un correo electrónico coa túa solicitude ao seguinte enderezo: info@arigal.gal